sábado, 2 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON... VALENTÍN



Boas noites, Valentín. Observamos que vén moi pouca xente nova a sendeirismo, ocórreseche algunha idea?

Estimulalos cuns bombóns ou algo. Pero ben, penso que a xente nova: xente con xente, queren ir ao rolo deles. Cando empeza o uso da razón é a partir dos 40.... E entón empezas a pensar: HAI QUE COIDARSE.

Antes camiñábase moito nas aldeas: as compras, as festas... Que recordas que signifique para ti andar por aqueles camiños?

Antes era traballo, traballo e traballo. Ías con vacas, co carro, levabas algo ao muíño. Non se andaba por deporte. Por deporte descansábase.

Hoxe cambiou totalmente. Agora ves xente maior paseando por todas as partes a todas as horas.

Antes a xente maior participaba de todo o proceso cotián. Agora coa pensión ves todos os camiños con xente. Agora compróboo seguido.


Que pensas que teriamos que cambiar para ofrecer en Galicia máis e mellores rutas de sendeirismo?

Sobre todo a mentalidade. Galicia é un paraíso para o sendeirismo. E que os concellos se involucren máis. Hai muíños, regueiros, derruídos xa. Hai zonas que se traballaron e non se esqueceron totalmente como noutros lugares.

Agora que o bosque sexa de eucalipto tampouco apréciase tanto. Pero estase a iniciar...


Que significa para ti a palabra sendeirismo?

É andar, ver, observar, aprender porque vas vendo como a árbore xermola, como cae a folla e cambia o seu colorido, matices... e reencontro cun mesmo, coa Natureza: Nós somos Natureza.

Cal é a túa ruta de sendeirismo ideal?

Moitas. Unhas casas antigas, pazos ou casas grandes..., é moi importante para aprender a nosa historia. Tamén é importante o bosque natural porque están todos os matices que todos temos no coco dende pequenos, sobre todo, os que nacemos no campo.

Mesmo os olores nos transportan no tempo, menos os eucaliptos que nos transportan a Nova Zelandia ou a Australia.

O olor a toxo florecido cando ías en agosto... estalábante as sementes, que abrían coa calor... Ten os seus trucos para dispersar as sementes.

A xesta, a pudia, o olor dunha corredoira na tarde, un olor típico da tarde de verán... e eses olores: Revívelos!


Se puidésemos realizar actividades no teu barrio Cales che gustarían?

O meu barrio na cidade, verdade? Gustaríanme todas pero o meu físico para o deporte non está no seu punto, está en declive.

Actividades de xogos de cartas xa está a haber. Case non cambiaría nada cos bos parques que temos.

Imaxínate un sábado ou un domingo sen sendeirismo, Que che parece formar un club de xadrez ou algo dese tipo?

En primeiro lugar non teño nin idea. Paréceme moi ben para quen lle guste e o atraia. Eu precisamente non estou ambientado. Sei onde se moven pero non sei para que.

Tes algunha proposta que penses que poida ser útil para o Club Deportivo Amodiño?

Eu, pois penso que a xente que estades, estades avalados pola experiencia, estádelo a facer moi ben. Os que formades o corpo directivo tedes ideas moi frescas, máis que as miñas.

Estou aberto aos cambios sempre que non traumaticen a miña rutina.

Se tivésemos que pedirche asesoramento, por exemplo, para recordar antigos xogos tradicionais Podemos contar contigo? Que se che ocorre?

Podedes contar comigo, pero nacín nunha casa que a xente máis próxima estaba a cen metros e do núcleo da aldea estabamos lonxe. Os meus irmáns e eu vivimos a soidade de non convivir con rapaces da nosa idade e como consecuencia diso non sei xogar á billarda, ao aro,… e despois dando patadas ás pelotas de trapo.

As cousas dos rapaces de antes... Carro de nabos... eramos autodidactas.

A mariola que se facía nos camiños, estas cousas... Os maiores non tiñan tempo.

Vivíase máis a responsabilidade do pan noso de cada día, aínda que foses pequeno.

Nos montes xuntabámonos os rapaces e faciamos unha gaita de alcacer ou de centeo e tocabamos uns con outros. Faciamos chiflos, dunha cana soaba un son distorsionado para acompañar infinidade de cousas de rapaces.

A meta que tiñamos os rapaces no campo era ter unha navalla porque con ela facías marabillas.

O meu pai ía ás feiras e sempre che traía
algunha cousa, froita ou unha navalla, caramelos... e como se agradecía!

Os xoguetes brillaban pola súa ausencia. Eu tiña un cabalo de cartón, pero non era o común.


Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?

Que todo vaia moi ben, que a xente se anime, porque o sendeirismo é o mellor para a desintoxicación tanto mental coma física dos coches, as fábricas, os fumes, os políticos e o estrés.

Convivir, compartir o bocata, os licores de Lola ou doutra xente,...esa camaradaría é o máis bonito que hai.

Poderíase poñer nos carteis como cebo para animar un pouco as bondades para mellorar o colesterol, para adelgazar, para integrarse coa Natureza.

Como ves son un namorado do campo, da Natureza!

Sobre todo, que a xente nova interaccione co medio e non estea a maquinar nos botellones.

Falo máis por vello que por demo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario