jueves, 28 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON ... CARMEN MARÍA

Ola Carmen María, Cal foi a túa primeira ruta e cal foi o motivo da súa realización?

Non me acordo, puido ser cando era pequena nos Alpes franceses e estaba todo totalmente nevado. Ah! espera! Nos lagos de Covadonga coa miña avoa. E convosco, foi a ruta dos muíños de Carral.


Que é o que máis che gusta do sendeirismo?

Basicamente dúas cousas: As persoas coas que vou e camiñar ao aire libre facendo exercicio.


Onde prepararías unha ruta?

En Galicia? Dúas opcións: Terra de Lume en Arxentina e a Selva Africana no Congo.

En Galicia, unha que preparaches e que nunca chegamos a realizar porque era de dificultade Alta, preto da Pontenova, onde está o Mazo do Bogo e a Fraga de Carballido, mirei as magníficas fotos de internet.


Formúlanos unha ruta de dous días?

O SIL.

Que che parece o sendeirismo no mundo actual?

Demasiado asfalto polas rutas.

Tal e como está o mundo é un bo xeito de escaparse.

Que teriamos que facer, segundo a túa opinión, para atraer á xente moza ás nosas rutas?

Aí si que me pillas. Ao mellor con xogos dentro da ruta: Hai que venderlles diversión.

Defíneme a palabra senderista.

Xente moi sana e sociable, aire libre..., moitas cousas...

Descríbenos unha comida senderista.

Sentados no chan, charlando, comendo, compartindo,..., nun lugar marabilloso.

Que pensas sobre a conservación da Natureza en Galicia?

Que o fan moi mal. Desastrosa. Tanto de parte duns coma dos outros.

Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?

Que algunha vez fagamos algunha ruta de dificultade ALTA, cando poida volver camiñar, e algunhas máis de dificultade MEDIA.

domingo, 24 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON... ÓSCAR

Ola Óscar, que tipo de ruta prefires?

Calquera me vale. Está ben alternar. Rutas doadas e outras un pouquiño máis complicadas.
Se tiveses que elixir un lugar no mundo para camiñar, diríanolo?

Camiñei moitos, por Galicia, Asturias, Pireneos, León, pero en Galicia hai variedade abondo para gozar cada unha das que fixen.

Que impulsouche a formar parte da xunta directiva do que aínda non era Amodiño?

Foi un cúmulo de circunstancias. Atráeme, gústame organizar cousas, os ideais de Amodiño, participar neles, fomentalos....

Cantas veces repetirías unha ruta que che gustase especialmente?

As que foran necesarias.

Pola media de idade senderista o teu grupo de amigos sodes dos máis novos, Inquiétavos compartir experiencias con outras xeracións?

É unha achega mutua. Sempre é positivo compartir experiencias con outras xeracións: Os seus coñecementos da cultura popular que hoxe se están a perder.


Tes algún recordo cos teus pais andando por un camiño?

Moitos, quen cres que me ensinou a andar polo monte?

Fálanos dun sono para o Club Deportivo Amodiño.

Imos ir Amodiño.

Achéganos unha exclusiva e dinos se cres no amor senderista.

Moito tempo libre tes! eh!
Nunca se sabe onde pode xurdir o amor. De feito eu xa estou namorado de Amodiño.


España dispón de cantos inesquecibles. Suxírenos algún para ir a camiñar?

Un que non conseguín chegar. Parte da Lagoa Negra en Castela, en Soria creo. Coa nevada que nos caeu resultou imposible.

Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?


Que siga con este espírito achegando nova xente. Non podo estar máis de acordo coas contestacións a esta pregunta doutros senderistas.

domingo, 17 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON... ISABEL

Ola Isabel, Que significa para ti andar cos senderistas de Amodiño?

Xenial Home, é moi gratificante.

De pequena facías rutas andando?
De pequena non. Empecei de maior. Pero din que nunca é tarde.En Betanzos onde nacín non había este costume. Ía coas amigas á horta do veciño a collerlles a froita. Como era mangada sabíame mellor.

Que lle dirías á xunta directiva de Amodiño?
Paréceme que está todo, ben organizado e non sei que pedir a esta xente.

Cal é a ruta que máis che gustou?
Son todas tan bonitas.Tal vez a que sempre recordo, a da FervenzaToxa que foi a primeira que fixen pola novidade e ademais era cortita, e a fervenza sabía que estaba en pleno apoxeo.
En que ruta sufriches máis?
Na que baixamos a Belesar porque logo houbo que subir. Aquilo foi impresionante. Valentín e Germán tivéronme que axudar.

Paréceche que en Galicia coidamos a Natureza?
Paréceme que non. Coa de cousas bonitas que temos teriamos que mimalo e coidalo moito máis. Somos uns descoidados.

Que inspírache a Natureza?
Liberdade, tantas cousas, tan simple a resposta, pero sobre todo a liberdade. Dar grazas a Deus por aquilo que temos.

Para que cres que é bo o sendeirismo?
Para todo, é moi gratificante, vas en compañía de xente que che agrada, a paisaxe, camiñar é o exercicio máis completo que hai, non te custa nada e enriba é saudable.
Á parte que aprendes, o que che contan e o que ves.

Que recomendarías a un senderista que empeza?
Que desfrute á idade que sexa. Bo calzado, boa roupa, boa compañía e boa comida.

Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?

O mesmo que temos no presente, que vaiamos ben, o bo clima que hai entre a xente, o contacto que hai coa Natureza.

Cando vou a unha ruta de sendeirismo, veño cansa pero estou tan contento e tan feliz que me sento moi ben.

Ah! Gustaríame mellor tempo e ser máis novos.

lunes, 11 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON... GUILLE



Ola Guille, Por que che gusta tanto facer sendeirismo?

Porque me gustan os sitios naturais, lonxe das casas e da civilización. Téñoo interiorizado dende pequeno, forma parte de min.

Cres que os teus pais te influíron de forma decisiva no teu xeito de sentir o sendeirismo?

Dende logo que si. Porque levo indo con eles dende que ía no portabebés. Para eles a Natureza é algo a respectar, a admirar.

Existe a túa ruta ideal?
Cóntasnola?

Imos ver, diría que fose unha ruta de dous ou tres días por unha zona de alta montaña, os Pireneos, por exemplo, O parque natural de Ordesa - Monte Perdido.



Por que cres que custa tanto atraer os mozos para que realicen camiñadas?

Boa pregunta, non sei, talvez sexa porque non o teñen tan interiorizado coma min. O que máis lle gusta aos mozos é facer saídas cos seus amigos e amigas. Non hai nin moita oferta nin tampouco lles interesa realizar actividades con máis xente.


Ocórreseche algunha idea que poidamos utilizar para atraer os mozos ao sendeirismo?

Pois como dixen antes estaría ben animalos a que veñan cos seus amigos: intentar atraer “grupillos”, aínda que non sei como conseguilo.

Que se fixese algunha asociación con rutas dedicadas especialmente a eles, aos mozos.


Dinos cinco palabras que definan sendeirismo

Natureza, Relax, Paisaxe, Animais, Botas.


Tes confianza en que o Home coide e respecte a Natureza?

Depende da zona do mundo da que me preguntes. Dá a impresión de que cada vez a xente se conciencia máis e respecta mellor.

Concienciación, avances tecnolóxicos.. Creo que reducirán o impacto das nosas actividades e confío en que as cousas melloren.

Que suxíreche o espazo sideral dende un punto de vista senderista?


Vaia pregunta! Diría que uns novos lugares que visitar e máis naturais imposibles!



Cando nos vas preparar unha ruta e onde?

Ben, por agora, non teño moito tempo pero dado que no Colexio Maior practico o sendeirismo, máis adiante poderedes vir. Se hai que elixir un lugar: Os Ancares, sempre me gustaron.


Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?

Que manteña o espírito, como cando iamos no grupo Iar: cando eramos menos xente e nos coñeciamos moito mellor.

lunes, 4 de marzo de 2013

CONVERSAS NO CAMIÑO CON... DANI CANDAL

Ola Daniel, es un gran fotógrafo e quixeramos saber como concibes unha boa fotografía senderista
A ver, unha boa fotografía senderista... Cun camiño, non só unha paisaxe, con xente para que de imaxe das dimensións e o seu factor humano. E non ten que ser de cor, un branco e negro con moitos tons tamén serve.


Como creador do logotipo de
Amodiño, Podes explicárnolo?O logotipo foi un proceso máis ben longo e laborioso pero a imaxe que busquei é a de non ser unha imaxe só senderista, algo sinxelo, sen montañas elaboradas, saber simplemente como é: algo que quede na mente.

Ofrecícheste para preparar a Web Oficial do Club Deportivo
Amodiño e temos toda a nosa confianza en ti depositada. Como siempre,… hai unha idea, un sentir... Con que semente pensas traballar o campo aberto e universal de Internet?É como o logotipo, sinxela e á vez con contido, máis elaborada, que manteña unha información xenérica do Club. Unha Web atractiva a simple vista.

Es novo e por iso queremos que nos digas que lle pode interesar á xuventude do sendeirismo.


A xuventude está concienciada co medio ambiente. A idade media senderista é media-alta. Hai que buscar rutas especiais para mozos. Por exemplo: Unha ruta máis curta para realizar fotografías no ambiente natural.

Deixaches de realizar sendeirismo?
Non vou tanto ao monte como antes pero un nunca deixa de ser senderista.

Coñecín
senderistas que son referentes na miña vida. Ti tamén os tes? Fálanos deles e non fai falta que os nomees.

Hai moitos anos que ía con senderistas que avanzan en idade e que non deixan de ser mozos por dentro. E iso é fantástico, que vaian ao monte como cando se iniciaron.

Que significa para ti o sendeirismo?
Agora mesmo pouco, pero en xeral, gozar da Natureza sobre todo. A definición de Natureza é GALICIA.

Imaxina que tes unha parella á que non lle gusta nada andar, serías capaz de convencela?


Sempre un pode ceder en algo daquilo que non lle gusta. Se andas por estas terras engánchaste a volver.

Cres que na seguinte graduación: paseante, camiñante,
senderista, aínda pode irse máis arriba?

Os intrépidos aventureiros.

Por último, que esperas no futuro do Club Deportivo
Amodiño?

Estanlle a poñer moito ánimo e augúrolles un bo futuro, sen ningunha traba, serán aquilo que queiran ser.

sábado, 2 de marzo de 2013

RUTA 4: POLO RÍO SOR



Inesquecible excursión en compañía da intrépida Loli e do seu fillo aventureiro Álvaro que nos obsequiaron coas deliciosas pedras de chocolate do Ortegal.

35 senderistas que decidiron pasar un bo anaco de domingo cos amigos e a Natureza ao lado do Rió Sor que move a súa corrente de pureza e de transparencia á que xa non estamos afeitos.

Escoitar as lendas dos diferentes bandoleiros, oh¡ Toribio, que se ocultaban na SerraFaladoira, non fixo máis que empezar...























CONVERSAS NO CAMIÑO CON... VALENTÍN



Boas noites, Valentín. Observamos que vén moi pouca xente nova a sendeirismo, ocórreseche algunha idea?

Estimulalos cuns bombóns ou algo. Pero ben, penso que a xente nova: xente con xente, queren ir ao rolo deles. Cando empeza o uso da razón é a partir dos 40.... E entón empezas a pensar: HAI QUE COIDARSE.

Antes camiñábase moito nas aldeas: as compras, as festas... Que recordas que signifique para ti andar por aqueles camiños?

Antes era traballo, traballo e traballo. Ías con vacas, co carro, levabas algo ao muíño. Non se andaba por deporte. Por deporte descansábase.

Hoxe cambiou totalmente. Agora ves xente maior paseando por todas as partes a todas as horas.

Antes a xente maior participaba de todo o proceso cotián. Agora coa pensión ves todos os camiños con xente. Agora compróboo seguido.


Que pensas que teriamos que cambiar para ofrecer en Galicia máis e mellores rutas de sendeirismo?

Sobre todo a mentalidade. Galicia é un paraíso para o sendeirismo. E que os concellos se involucren máis. Hai muíños, regueiros, derruídos xa. Hai zonas que se traballaron e non se esqueceron totalmente como noutros lugares.

Agora que o bosque sexa de eucalipto tampouco apréciase tanto. Pero estase a iniciar...


Que significa para ti a palabra sendeirismo?

É andar, ver, observar, aprender porque vas vendo como a árbore xermola, como cae a folla e cambia o seu colorido, matices... e reencontro cun mesmo, coa Natureza: Nós somos Natureza.

Cal é a túa ruta de sendeirismo ideal?

Moitas. Unhas casas antigas, pazos ou casas grandes..., é moi importante para aprender a nosa historia. Tamén é importante o bosque natural porque están todos os matices que todos temos no coco dende pequenos, sobre todo, os que nacemos no campo.

Mesmo os olores nos transportan no tempo, menos os eucaliptos que nos transportan a Nova Zelandia ou a Australia.

O olor a toxo florecido cando ías en agosto... estalábante as sementes, que abrían coa calor... Ten os seus trucos para dispersar as sementes.

A xesta, a pudia, o olor dunha corredoira na tarde, un olor típico da tarde de verán... e eses olores: Revívelos!


Se puidésemos realizar actividades no teu barrio Cales che gustarían?

O meu barrio na cidade, verdade? Gustaríanme todas pero o meu físico para o deporte non está no seu punto, está en declive.

Actividades de xogos de cartas xa está a haber. Case non cambiaría nada cos bos parques que temos.

Imaxínate un sábado ou un domingo sen sendeirismo, Que che parece formar un club de xadrez ou algo dese tipo?

En primeiro lugar non teño nin idea. Paréceme moi ben para quen lle guste e o atraia. Eu precisamente non estou ambientado. Sei onde se moven pero non sei para que.

Tes algunha proposta que penses que poida ser útil para o Club Deportivo Amodiño?

Eu, pois penso que a xente que estades, estades avalados pola experiencia, estádelo a facer moi ben. Os que formades o corpo directivo tedes ideas moi frescas, máis que as miñas.

Estou aberto aos cambios sempre que non traumaticen a miña rutina.

Se tivésemos que pedirche asesoramento, por exemplo, para recordar antigos xogos tradicionais Podemos contar contigo? Que se che ocorre?

Podedes contar comigo, pero nacín nunha casa que a xente máis próxima estaba a cen metros e do núcleo da aldea estabamos lonxe. Os meus irmáns e eu vivimos a soidade de non convivir con rapaces da nosa idade e como consecuencia diso non sei xogar á billarda, ao aro,… e despois dando patadas ás pelotas de trapo.

As cousas dos rapaces de antes... Carro de nabos... eramos autodidactas.

A mariola que se facía nos camiños, estas cousas... Os maiores non tiñan tempo.

Vivíase máis a responsabilidade do pan noso de cada día, aínda que foses pequeno.

Nos montes xuntabámonos os rapaces e faciamos unha gaita de alcacer ou de centeo e tocabamos uns con outros. Faciamos chiflos, dunha cana soaba un son distorsionado para acompañar infinidade de cousas de rapaces.

A meta que tiñamos os rapaces no campo era ter unha navalla porque con ela facías marabillas.

O meu pai ía ás feiras e sempre che traía
algunha cousa, froita ou unha navalla, caramelos... e como se agradecía!

Os xoguetes brillaban pola súa ausencia. Eu tiña un cabalo de cartón, pero non era o común.


Por último, que esperas do Club Deportivo Amodiño no futuro?

Que todo vaia moi ben, que a xente se anime, porque o sendeirismo é o mellor para a desintoxicación tanto mental coma física dos coches, as fábricas, os fumes, os políticos e o estrés.

Convivir, compartir o bocata, os licores de Lola ou doutra xente,...esa camaradaría é o máis bonito que hai.

Poderíase poñer nos carteis como cebo para animar un pouco as bondades para mellorar o colesterol, para adelgazar, para integrarse coa Natureza.

Como ves son un namorado do campo, da Natureza!

Sobre todo, que a xente nova interaccione co medio e non estea a maquinar nos botellones.

Falo máis por vello que por demo.