domingo, 5 de enero de 2014

OS CONTOS DE MARÍA HERMIDA: PRIMITIVO RUDO E AS BOLBORETAS DE CORES.

PRIMITIVO RUDO E AS BOLBORETAS DE CORES

Primitivo era un veciño do meu pobo e que tiña Rudo de apelido. Era un señor moi culto, distinto dos outros veciños, xente labradora.

Resulta que 
Primitivo coleccionaba bolboretas, tíñaas de todas as cores.

A min as que máis me gustaban eran as azuis.

Un día noso mestre díxolle:

-Señor Rudo, cóntelles aos nenos como conseguiu as bolboretas azuis que tanto lles gustan.

-Ben, dixo Primitivo.

Cando nos contaba como conseguiu esas bolboretas eu quedaba coa boca aberta.

-Esas deumas un pastor da provincia de León. Estas collinas na beira do río 
Curueño, o río do Esquecemento.

-A pena que teño, dicía Primitivo, é que xa son moi vello e teño que ir pensando en aforrar, teño que vender as bolboretas por se me morro, pois non teño familia que me pague o enterro e costa moi caro.

-Mais non diga iso! Vostede pode doar o seu corpo á investigación e eles fanse cargo de todo.

-Iso, non señor mestre, só de pensar que me despezan se me
poñen os pelos de punta e pódome morrer agora mesmo.

-E, logo Sr. Rudo, parécelle mellor a vostede que lle coman os vermes?

-Non e non! É que a min cando me queiran comer os vermes serei tan duro de roer que os vermes xa serán bolboretas de cores.







OS CONTOS DE MARÍA HERMIDA: A RAPAZA DAS SANDALIAS VERMELLAS.

A RAPAZA DAS SANDALIAS VERMELLAS.

Unha Tarde de abril, sentada detrás dunha porta, encontrei a rapaza das sandalias vermellas.

Aínda non era tempo para sandalias, por iso, todos a miraban e dicían:

-De onde será? Que rapaza tan rara!

Ela mirábanos como pedindo axuda.

Eu senteime ao seu lado, sorrinlle e ela fixo o mesmo.

-Que sandalias tan bonitas! Onde as compraches?

-Non as comprei, fíxomas o meu pai.

-Onde vives para ir eu e que faga unhas para min?

-Eu vivo no campo. Alí só está a miña casa.

E díxome:

-Temos unha maceira nada máis, pero gustarache. A miña casa é moi bonita!. Ten un camiño que parece unha alfombra, e dúas macetas, unha a cada lado da casa.

Tanto falamos que non me decatei que ela desaparecera, pero alí se deixou as sandalias vermellas. Eran tan bonitas!

Púxenmas e comecei a andar para sentilas nos meus pés. Eran moi cómodas. Camiñei sen saber onde ía, coma se alguén me empurrase.

Cando me decatei estaba no campo. Alí, un espazo moi grande e unha tira longa de céspede, moi verde, que parecía unha alfombra. E alá ao lonxe, había o que parecía unha casa.

Seguín polo camiño, 
vin dous paxaros amarelos co pico grande cor marrón. Chegamos á casa, os paxaros fóronse á maceira a comer as mazás.

Eles comían e xa crecían outras.

A casa moi pequena, en cada ventá había unha maceta.

Chamei á porta pero non había ninguén.

- E que fago agora se non sei onde estou?

De súpeto, as sandalias desapareceron e púxenme a chorar.

Entón veñen os paxaros, lévanme voando, e déixanme caer no lugar onde coñecín a rapaza das sandalias vermellas.

Alí non había ninguén.

Ben, estaba a miña nai! que sentiu un ruído forte cando caín da cama.

-Pero muller, dicíame, Como se che ocorre durmir a sesta nunha tarde tan bonita? Como é abril compreiche unhas sandalias para o teu aniversario.

-Mamá, non me digas que son vermellas!

-Si, nena, si, son vermellas.